Friday 10 de May de 2024

Ángeles Vázquez salienta o compromiso dos concellos coa protección da paisaxe ao esgotar as axudas para corrixir impactos en equipamentos municipais


Máis de 60 entidades locais beneficiaranse desta liña de subvencións, pioneira en Galicia e que se suma á convocada no mes de abril para propietarios particulares

Máis de 60 concellos beneficiaranse da nova orde de axudas para a corrección de impactos paisaxísticos en edificios e equipamentos públicos municipais, un programa pioneiro convocado polo Instituto de Estudos do Territorio (IET) no mes de setembro para avanzar na aposta polo fermosismo.

Este foi un dos asuntos que se abordaron esta mañá durante a reunión telemática do Consello Reitor do IET, a primeira á que asistiu o novo director do organismo, Enrique de Salvador, tras tomar posesión do seu cargo o pasado luns, 11 de outubro, e na se aprobou o anteproxecto de orzamentos da entidade para o ano 2022.

Durante a súa intervención, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, salientou o compromiso das entidades locais galegas coa protección da paisaxe en todas as súas formas e avanzou que, unha vez pechado o prazo para a presentación de solicitudes a esta liña de axudas, a Xunta ten previsto esgotar todo o orzamento dispoñible — 800.000 euros— para a convocatoria de 2021.

Cómpre lembrar que estas subvencións van dirixidas a concellos de menos de 20.000 habitantes co fin de axudalos a emendar o impacto negativo que causan sobre as súas contornas tanto edificios e dependencias que acollen servizos municipais —liña A, dotada con 400.000 euros—, como determinado tipo de equipamentos públicos da súa titularidade —liña B, cun orzamento tamén de 400.000 euros—.

En ambos casos, o importe da subvención suporá o 70% do custo estimado da actuación, cun límite de 25.000 euros se a intervención se centra nun edificio, e de 10.000 euros se se trata dunha fonte, un lavadoiro público, un palco da música ou un hórreo.

Neste sentido, a conselleira amosouse moi satisfeita pola resposta dos concellos ante esta nova iniciativa en materia de paisaxe do seu departamento, que xa no mes de abril, lembrou, convocara outra orde de axudas dirixida a propietarios individuais e comunidades de veciños para corrixir impactos paisaxísticos en edificacións particulares.

Entre outros asuntos, no Consello Reitor do IET tamén se deu conta dos últimos avances con relación á Colección Paisaxe Galega, un conxunto de guías de boas prácticas para a integración paisaxística no marco da cal xa se editaron un total de 11 publicacións e hai catro máis en fase de elaboración.